Unha
pía bautismal de granito, dunha soa peza cadrada de oitenta
centímetros de lado é a única testemuña que pervive da primitiva
igrexa románica de San Andrés de Souto. Esta pía
bautismal posúe a seguinte inscrición, seguramente do século XIII, "Fredenandus
presbiter fecit fonts et restauravit eclesia vocabula Sancti Benedicti"
que, na nosa lingua, quere dicir: o presbítero, Fernando, fixo a fonte
e restaurou a igrexa.
|
|
A outra pía románica existente no concello da Estrada conforma
a única testemuña que pervive do pasado románico da igrexa de
San Xurxo de Bellexia, que así se denominaba Vea
cando foi doada no ano 911 polo bispo de Iria, Sisnando, ao
mosteiro de San Martiño Pinario. O cardeal Jerónimo del Hoyo
escribía, no século XVII, nas súas Memorias do arcebispado...
sobre este raro e único exemplar de San Xurxo de Vea: "Hay
en esta iglesia una pila baptismal con figura a Ia redonda de
brocal de poço con un gran letrero alrededor con tantas
abreviaturas que no se aciertan a leer sino muy pocas palabras
...".
Visitei a igrexa na boa compaña de don
Serafín, cura da parroquia de San Xurxo e de Frades, á entrada
detémonos nunha inscrición, sita no lintel da porta
occidental, que sinala unha reforma feita polo cura Alonso de
Novoa Gundín no ano 1746.
A pía atópase, nunha esquina, no lado
esquerdo da porta. Ten forma de cilindro ou dun enorme
"brocal de poço" como a describiu Jerónimo del Hoyo.
Mide 0'92 m. de altura, 1'20 m. de diámetro e ten unha
profundidade de 0'42 m., sendo o seu grosor 0'31 m. Como único
adorno ten unha inscrición, entre dúas líneas, de 0.19 m. de
longo, con moitos firuletes, que está a 0'39 m. do borde
superior. |
A lectura de
todo o epígrafe na pía é imposible por estar pegada ao chan con
cemento. Don Serafín, gardaba un papel, no que aparece debuxada toda a
epigrafía, na que se lé:
SANCTI SPIRITUS GRATIA PURGAT INFANTIUM
CRIMINA. ERA MCLXXXXVIII ET QUOTUM KALENDI IUNII. ORDONIUS DICTUR
MAGISTER FECIT.
(A gracia do Espírito Santo limpa os pecados
dos infantes. Calendas de xuño da era 1198, ano 1160. Ordoño, chamado
mestre fixo ).
O epígrafe, amosa unha clara mensaxe
didáctica, moralizante, e de adoutrinamento, propia desta época e vennos
a indicar a idea que tiñan do bautismo no medievo. |